O home fronte o Courel, unha das montañas icónicas da xeografía galega. O Courel e o home primixenio da Galiza. O máis antigo devanceiro, antepasado aínda dos habitantes atalaiados no Castro de Brio. Un xacemento do noso Ötzi particular peneirado polas áxiles mans de arqueólogos entre restos de Uros e outros seres case mitolóxicos.
Con este antecedente nos enfrontamos nunha expedición pouco avisada da dureza da montaña...se o río Miño é pai, pode que o Courel sexa nai ou polo menos nao desta viaxe na que as nosa mentes se dispersan ao longo de trece quilómetros de sabedoría. Un vieiro que se remonta na bacía do río Pequeno, limpo, transparente, sobre cantos rumorosos...pode que Novoneyra deslizase algún verso por estes carronzos...de súpeto, un dos misterios da rota:un muro tallado a navalla, un verdadeiro pozo escuro, húmido, mofento, con cairos desafiantes de xeo. Sigamos que vai frio.
O paso ha de ser miúdo por forza, remontando escaleiras de laxas, congostras feitas fervenzas peonais, pasos de fila india ascendendo outeiros pelados...Ángel fálame da propiedade letal das uceiras: se rompes a uz, prepara a cruz! O mesmo guia trepa ao castro indicado na sinal informativa...aínda que se agocha da vista entre xardóns e aciñeiras, malas artes dos mouros e outros cobizosos seres sen dúbida.
Continuamos divagando pola senda dos castiñeiros milenarios erguidas como torres leñosas e vixías dos nosos pasos perdidos.
U-la bubela? u-lo picapeixe? Dora quere escoitar un murmurio de ave nos ecos do souto...Pero volvemos a camiñar sobre pedras revoltas, tras deixar atrás Mercurín e as galerías de madeira e todo o Courel nos parece infindo envolvéndonos con parsimonia.
A peregrinaxe tamén debería rematar aqui, non só no fin da terra, senón no principio do home e das nosas primeiras pegadas onde a vida palpitou por riba destes montes duros e salvaxes.
Así que rematemos a viaxe, deixemos durmir aos xabaríns e aos lobos, despídamonos da gran muralla de castiñeiros hocos e pantasmas, respetemos os tesouros do castro e continuemos a vida que a Nai Courel nos legou hai miles de anos.
PD A vida non cesa nin nas primeiras luces do camiño, un neno ou nena da os primeiros pasos no seo de Laura, ela pregúntame por nomes galegos, góstalle Fins e a min tamén.
Noraboa José María e Laura.
Suso Rubio
martes, 6 de abril de 2010
Suscribirse a:
Entradas (Atom)